CRTVG

Buscar

O Brasil chega a 47.748 mortes, con 1.238 nun día, e acércase ao millón de casos

Publicado o 19/06/2020 07:22
O Brasil chega a 47.748 mortes, con 1.238 nun día, e acércase ao millón de casos

O Brasil rexistrou 1.238 falecidos por COVID-19 no último día. Desa maneira, a cantidade total de mortes chegou a 47.748, mentres os casos confirmados ascenderon ata os 978.142, segundo informou este xoves o Goberno.

O Ministerio de Saúde informou no seu boletín diario sobre a enfermidade que houbo un incremento de 22.765 contaxios nas últimas 24 horas, o cal confirma o país como un dos focos globais da pandemia.

Este xoves foi o terceiro día seguido en que o xigante suramericano superou os 1.200 falecidos diarios polo novo coronavirus, que parece instalarse nesa franxa media do milleiro de decesos cada 24 horas.

O Brasil é o segundo país en número total de mortes e infectados con COVID-19, apenas por detrás dos Estados Unidos, aínda que, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), encabeza as estatísticas cando a análise se reduce aos últimos sete días.

Segundo datos das secretarías de Saúde rexionais, xa hai polo menos un caso de coronavirus no 85 % dos 5.570 municipios deste país que ten unha poboación de 210 millóns de habitantes. O número de recuperados sitúase agora nos 482.102, o cal representa o 49 % do total de pacientes coa enfermidade.

A OMS afirmou esta semana que ve certa estabilización da pandemia no Brasil, mais advertiu que aínda é pronto para dicir que se chegou ao pico da chamada curva epidemiolóxica.
De feito, hai bastantes diverxencias entre os especialistas sanitarios brasileiros sobre cando se alcanzará a ábsida no número de casos e contaxios.

Bolsonaro: "O Brasil non aguanta máis o quede na casa"

O presidente do Brasil, o ultradereitista Jair Bolsonaro, volveu criticar este xoves as medidas de illamento social aínda vixentes nalgúns estados e municipios do país e o "vaivén" da OMS nalgúns aspectos da xestión da pandemia.

"O Brasil non aguanta máis o quede na casa", afirmou o mandatario nunha transmisión vía redes sociais.

O gobernante, que desconsidera a gravidade dunha enfermidade que cualifica de "gripiña" e ve as corentenas coma un "crime", fixo un novo chamamento a alcaldes e gobernadores para unha "retomada ordenada da economía", o cal xa está a ocorrer.

Tamén asegurou que "o que menos ten de ciencia" é a OMS, pois, ao seu xuízo, "está nun vaivén todo o tempo", con cambios de opinión e as dúbidas como as que levantou sobre a eficacia da  cloroquina, sobre a que non hai consenso, pero que Bolsonaro defende con vehemencia.

São Paulo, O Río e Ceará, os estados máis golpeados

O principal foco no Brasil continúa sendo o estado de São Paulo, o máis rico e poboado do país, con 46 millóns de habitantes, que contabiliza 11.846 mortes e 192.628 contaxios.

Ségueo O Río de Xaneiro, con 8.412 óbitos e 87.317 infectados, a onde hoxe volverán, sen público, os partidos de fútbol do Campionato Carioca a pesar da reticencia dalgúns clubs da rexión e as alertas da comunidade científica.

Tamén preocupa a situación no estado de Ceará, no empobrecido nordeste do país, pois cunha poboación de case nove millóns, moi inferior á de São Paulo e O Río, rexistra 5.377 decesos e 87.273 casos.