CRTVG

Buscar

Suspenden o Brasil-Arxentina por incumprir o protocolo sanitario varios xogadores

Publicado o 05/09/2021 23:07
Suspenden o Brasil-Arxentina por incumprir o protocolo sanitario varios xogadores

Un inspector sanitario brasileiro entrou no campo de fútbol onde se xogaba o partido no minuto 6 e suspendeu o encontro correspondente ás eliminatorias suramericanas para o Mundial de Qatar 2022.

A infracción corresponde a varios xogadores arxentinos que xogan na Premier League inglesa e que, supostamente, tiñan que gardar corentena.

O árbitro venezolano e os comisarios de campo oficializaron a suspensión do partido e remitiron a decisión final do incidente á FIFA.

Os fiscais de vixilancia sanitaria do Brasil entraron no campo ante a denuncia de que catro xogadores arxentinos subministraron información falsa en inmigración.

Os xogadores son Emiliano Martínez, Emiliano Buendía, Cristian Romero e Giovani Lo Celso, que se integraron no equipo despois de xogaren en Londres cos seus clubs. As normas sanitarias brasileiras esixen que as persoas que estiveron durante os últimos 14 días no Reino Unido deben cumprir unha corentena obrigatoria de dez días. Os catro xogadores chegaron ao Brasil o venres procedentes de Caracas, onde a Arxentina derrotou o xoves por 1-3 a Venezuela.

Coa interrupción do partido en San Paulo, Arxentina retirouse e pechouse no vestiario. Despois abandonou o estadio fortemente custodiada pola policía para dirixirse ao seu hotel e viaxar a Bos Aires para xogar contra Bolivia o xoves.