CRTVG

Buscar

O botellón suscita as queixas veciñais dos composteláns que viven no ensanche

Publicado o 15/02/2019 14:35

O descanso dos veciños de varias rúas do ensanche compostelán onde se localizan locais de ocio nocturno vese alterado noite tras noite debido ao balbordo que se forma ás portas dos establecementos.

"Son esos ruidos ás portas. A xente que desfasa supoño que polo alcol e otras cousas que determinados sectores da xuventude están a tomar ultimamente si que crean moitas incomodidades de ruídos, sobre todo á hora de peche", di Xosé Manuel Durán, presidente da Asociación de Veciños do Ensanche. 

"Ruído na rúa si, moito, sobre todo nun pub que hai debaixo da miña casa, aí concéntrase moitísima xente, ata as move da mañá as 10, porque eu saio para traballar ás 8 da mañá e véxoos aí", di unha veciña.

Co problema do botellón na rúa practicamente erradicado pola constante presenza policial, agora a preocupación céntrase nas festas e consumo de alcol e outras substancias en pisos e portais, onde xa se rexistraron altercados.

"A xente segue con ese hábito, séguense concentrando, pero non hai o consumo de alcol como había nin eses estragos e actos vandálicos que vén un pouco a raíz dese modelo desfasado de ocio, como acoteceu a semana pasada nun dos portais de Fernando III, onde iso si que foi preocupante, onde unha parte deses mozos cos ollos dilatados non distinguía entre unha maceta e un uniforme e incluso se enfrontaron á policía", asegura Xosé Manuel Durán, presidente da Asocoación de Veciños do Ensanche.

Desde a asociación veciñal aseguran que están a traballar conxuntamente con todos os sectores implicados, propietarios de pisos, hostaleiros e forzas de seguridade, para intentar cambiar o actual modelo de ocio nocturno polo ben non só da veciñanza, senón da sociedade en xeral.

Noticias web

15/02/2019