O borrador do CSD fala de probas PCR antes de cada xornada para o deporte non profesional
Mentres tanto, as competicións non profesionais seguen agardando polo protocolo do CSD.
Algúns deportes como o balonmán teñen o inicio marcado xa para a vindeira semana. Pero sen protocolos, as competicións non poden comezar. De momento, o que saca o CSD é un borrador que distribuíu ás comunidades autónomas, coas que pretende manter unha xuntanza a semana que vén.
A Televisión de Galicia tivo acceso a ese borrador que lles enviou o Consello Superior de Deportes ás comunidades autónomas. Unha das medidas que se pretenden instaurar é a de facer pasar unha PCR a cada xogador 72 horas antes de cada partido. O borrador non especifica quen vai pagar esas probas.
Os clubs calculan que poderían chegar a ser uns 50.000 euros por temporada, inasumible para moitos deles. Lembren que estamos falando de todo o deporte agás a Primeira e Segunda Divisións de fútbol e a ACB de baloncesto.