O bono cultural esperta dúbidas, co catálogo de servizos aínda por definir
"Cando teñan 18 anos, sexan maiores de idade, darémoslles, se se aproban estes presupostos, 400 euros para a compra de libros ou para o consumo de calquera tipo de actividade artística, escénica, como pode ser o teatro, o cine, a danza ou a música", explicaba Pedro Sánchez cando anunciou a creación do bono cultural.
Pouco despois a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra afirmaba en Twitter que esta era unha proposta de Unidas Podemos para apoiar a cultura do país. O catálogo de servizos cubertos polo bono está aínda por definir, pero o que xa confirmou o Goberno é que a tauromaquia queda fóra.
"Hai que priorizar cales son os sectores que queremos axudar e por isto o sector da tauromaquia queda fóra", dixo María Jesús Montero, ministra de Facenda.
O sector taurino lamenta esta decisión. "A exclusión do bono cultural é unha discriminación sectaria, é unha censura cultural e é un ataque á liberdade", afirma Vitorino Martín, presidente da Fundación Toro de Lidia.
Aínda hai moitas dúbidas sobre en que se poderán gastar eses 400 euros, pero ata o de agora sabemos que en libros, cine, música, teatro, danza e tamén videoxogos.
Arredor de 450.000 mozos poderán beneficiarse desta medida, todos aqueles que fagan os 18 anos no 2022.