O Boiro e o Emevé, na categoría masculina e feminina, comezan a Superliga
Caretas coas facianas dos socios para que o pavillón non estea triste e sen colorido. Como explica Bibí Bouza, a presidenta do Arenal Emevé, trátase de que "os rapaces e rapazas, cando están xogando, non vexan a bancada baleira".
Bancadas case baleiras nun ano de pandemia moi complicado. "Preocupada porque non sabemos que vai pasar. Unha situación complicada, cada día é máis dificultoso todo", explica a dirixente.
Falemos de dificultades pero deportivas. Hai unha moi clara: "Nós non podemos pór como obxectivo gañar a liga, é case unha utopía", recoñece Mario Dovale.
Gañar a Liga non, pero malia a reconstrución do Emeve e o aumento de nivel nos outros equipos, hai ambición. "Loitar para conseguir como mínimo o da tempada pasada, que foi estar entre os 5 primeiros na primeira volta, clasificar para a copa do rei e ao final da temporada estar clasificados para os playoff", apunta Dovale.
De play-off ou de Copa, non falan no equipo feminino. "A metade da táboa podería ser un obxectivo bastante claro", explica Lucía Prol.
Se hai algo claro é o caso atípico do Arenal Emevé. Ten dous equipos. E os dous na elite, superligas masculina e feminina, como acontecera no 2015. Só que esta vez nunha temporada distópica.
O Boiro estréase na Superliga de volei
O Boiro estréase coa elite do voleibol español, un fito que ilusiona especialmente os que iniciaron este proxecto hai uns dez anos.
"Moitas ganas, temos unhas ganas tremendas de que o voleibol de superliga chegue a Boiro. A pena é que a covid-19 non nos permita desfrutar ao cen por cento da festa", di Adrián Alves, un dos veteranos.
"Un equipo pequeno dunha vila pequena, que chega á máxima categoría a nivel español é un logro grandísimo", apunta o adestrador Emilio Palacio.
A permanencia é o obxectivo. E complícase, porque haberá catro descensos en lugar de dous. Pero o Rotogal Boiro tampouco renuncia a outras metas.
"O bo que ten isto é que o play off son 8 equipos, antes eran menos. Se a parte de non descender sae ben, tamén entras no playoff. É un premio moi grande", sinala o técnico.
"Sen renunciarmos absolutamente a nada, cos pés na terra sabendo que é unha liga na que xogamos contra grandes clubes, que sufran aquí na Cachada", explica Adrián Alves.
No pavillón traballan a marchas forzadas para alcanzar as cincocentas localidades, das que se poderán ocupar ata 300 segundo a situación sanitaria. Os boirenses e o Guaguas Grancanario será testemuña este sábado dun debut histórico na Superliga.