CRTVG

Buscar

O BOE publica o real decreto-lei que facilita o cambio de sede social das empresas

Publicado o 07/10/2017 12:33
O BOE publica o real decreto-lei que facilita o cambio de sede social das empresas

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este sábado o real decreto-lei aprobado o venres en Consello de Ministros co que o Goberno pretende axilizar o cambio de sedes sociais das empresas en territorio nacional. Con esta medida facilítase o cambio de sedes empresariais ante o desafío independentista en Cataluña.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, o ministro de Economía, Industria e Competitividade, Luís de Guindos, explicou que a norma aclara quen son os órganos competentes para aprobar o cambio de sede social por parte das sociedades que así o decidan e facilítanse os trámites, de maneira que só se existe unha declaración expresa en contrario por parte dos Estatutos da sociedade, será o Consello de Administración o competente para aprobalo.

O texto publicado, no que non se menciona a Cataluña, sinala a existencia dunha "extraordinaria e urxente necesidade" de "garantir a plena vixencia do principio de liberdade de empresa consagrado no artigo 38 da Constitución" e de "respectar a prohibición de adoptar medidas que obstaculicen a liberdade de establecemento dos operadores económicos prevista no artigo 139 da Constitución".

Para iso, a norma vai dirixida a "evitar que as diverxencias interpretativas e controversias societarias demoren a eficacia do traslado do domicilio dentro do territorio español", segundo se explica no documento.

Este venres dúas grandes empresas que cotizan no Ibex, Gas Natural Fenosa e CaixaBank, anunciaron o cambio da súa sedes sociais a Madrid e Valencia, respectivamente, e sumáronse así a outras grandes empresas que tomaron xa a decisión de mover a súa sede social ante a situación de inestabilidade política e xurídica que atravesa Cataluña, como é o caso do Banco Sabadell, Oryzon, Arquia, Ballenoil, Banco Mediolanum, Eurona, Service Point, Dogi, Proclinic Expert ou *Naturhouse.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí