CRTVG

Buscar

O BOE publica o acordo que elimina as restricións á hostalería e ao lecer nocturno

Publicado o 11/06/2021 12:44
O BOE publica o acordo que elimina as restricións á hostalería e ao lecer nocturno

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este venres o acordo aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que elimina as restricións á hostalería e permite a apertura do lecer nocturno en función dos datos epidemiolóxicos.

A resolución da Secretaría de Estado de Sanidade deixa sen efecto as limitacións á hostalería e restauración publicadas no BOE o 5 de xuño e converte en "recomendacións" as obrigas referidas a locais de lecer nocturno, discotecas, eventos e actividades multitudinarias non ordinarias.

Deste xeito, e segundo a resolución, a apertura de locais de lecer nocturno poderase autorizar en función dos datos epidemiolóxicos, en base aos consellos do documento 'Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da covid-19'.

O horario de peche destes establecementos será como máximo ás 2:00 da madrugada, "podendo ampliarse en función da evolución dos datos epidemiolóxicos no territorio".

Eventos e actividades multitudinarias

Respecto aos eventos e actividades multitudinarias, a organización, en coordinación coas autoridades locais, deberán realizar unha avaliación do risco e, en función do resultado, implementar as medidas específicas adicionais de redución de riscos de transmisión. A avaliación estará dispoñible para as autoridades sanitarias no caso de que a requiran.

Esta modificación da declaración de actuacións coordinadas fronte á covid-19 ten efectos desde a súa notificación ás comunidades e cidades con estatuto de autonomía, e ata que Sanidade aprobe a finalización da súa vixencia, previo acordo do Consello Interterritorial de Saúde.

Corentena para visitantes da India

Ademais, o BOE publica este venres a orde que amplía a obriga de realizar corentena de dez días os visitantes que cheguen a España desde calquera voo procedente da India, con ou sen escalas. Existe a "posibilidade de suspenderse ao sétimo día se a persoa realiza unha proba diagnóstica de infección activa con resultado negativo".

"Queda exceptuado, do previsto na orde, o persoal aeronáutico necesario para levar a cabo as actividades de transporte aéreo", subliña o BOE.

A orde ten efectos desde as 00:00 horas do 13 de xuño e ata as 24:00 horas do día 26 de xuño, podendo prorrogarse se se manteñen as circunstancias que a motivan.

Noticias web

11/06/2021