O bo tempo anima os cidadáns nunha Semana Santa atípica en Galicia
Esta é por segundo ano consecutivo unha Semana Santa diferente. Non están os turistas habituais pero os galegos están a suplir nalgunhas zonas a súa ausencia.
O bo tempo animaba por exemplo as reservas de última hora neste hotel de Miño.
Mari Carmen Pantín. Propietaria de hotel: "As expectativas non eran tan boas, sorprendeunos bastante, son moitas as reservas de última hora, estamos mi contentos"
As Fragas do Eume é un lugar de visita preferente para a maioría dos visitantes. O sol animou o ambiente nas terrazas e na praia.
"A nosa idea era ir ás Fragas do Eume e Oleiros, que foi o que fixemos onte e hoxe xa volvemos", di esta turista
"Temos un apartamento aquí pretiño e aproveitamos a movernos ao apartamento e dar unha voltiña aquí ao mar"
A ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra está a ter datos peores. Quedou reducida a entre un dez e un quince por cento. Un reclamo turístico coma Sanxenxo deixou sen abrir o 90 por cento dos seus hoteis. Baiona e Cangas, sufriron o baixón nas reservas... E cidades coma Vigo ou Pontevedra rexistraron moi pouca actividade.
César Sánchez-Ballesteros, Presidente de Hostaleiros de Pontevedra: "Ir ás Illas Cíes, ou dar un paseo, que é o que a xente quere, non deixas de estar a menos dunha hora de calquera punto de Galicia. Iso quere dicir que a maioría dos galegos optan finalmente, tendo que estar na casa ás dez da noite, e non podes cear nun establecemento normal, comer algo de comida rápida e pouco máis, iso non é atractivo para pasar a fin de semana fóra."
E esta era a imaxe deste sábado en Compostela pouco acorde cunha pandemia... o bo tempo animaba a saír esta tarde. As rúas e as terrazas estaban ateigadas de xente. Algúns coa máscara baixada. Moitos vistantes facían ringleira para entrar pola porta santa nun ano Xacobeo e nunha Semana Santa atípicos.