CRTVG

Buscar

O BNG votará en contra do decreto dos remanentes e pide a derrogación da Lei Montoro

Publicado o 14/08/2020 14:32

O Goberno central segue defendendo o decreto para a transferencia dos aforros dos concellos ao Estado, pero o certo é que non ten os apoios suficientes para convalidalo no Congreso. E por iso, ábrense a negociar.

Aínda así, a ministra de Facenda reprochaba esta mañá que "non parece de recibo que cando un goberno se compromete, move ficha e pon unha proposta enriba da mesa, mellorable ou discutible coma todas... pois o que se escoiten sexan críticas non construtivas onde non se plantexa ningunha alternativa".

María Jesús Montero acusa o PP de tentar desgastar o Goberno con este asunto. Pero o certo é que as críticas chegan de moitos outros partidos. Hoxe mesmo, o BNG confirmou que votará en contra do decreto, e piden a derrogación da Lei Montoro tal e como prometera o PSOE durante a campaña.

Para o deputado Néstor Rego, "non só o esquecen, senón que fan o contrario e acaban agravándoo. Moito tememos que esta incautación de recursos acabe converténdose nunha nova drenaxe de cartos galegos para outras zonas do Estado". Por iso, o BNG descarta negociar o que cualifica como unha incautación máis branda.

Noticias web

14/08/2020