CRTVG

Buscar

O BNG súmase ao rexeitamento dos reitores á universidade privada de Abanca

Publicado o 10/05/2021 13:26

A portavoz nacional do BNG reuniuse cos reitores das tres universidades públicas de Galicia para amosar un rexeitamento unánime á tramitación do proxecto de lei da Universidade Intercontinental da Empresa, iniciativa privada impulsada por Afundación, a obra social de Abanca.

Segundo Ana Pontón, é unha iniciativa que "rompe cun ensino igualitario e democrático" en Galicia para dar paso a unha "universidade para ricos".

A nacionalista censurou que o PP galego apadriñe este proxecto nun momento en que "a sociedade galega non necesita unha universidade privada para privilexiados e só ao alcance dunha minoría", co obxectivo de permitir un "maior negocio" a unha entidade bancaria á que xa se lle consentiu "o pelotazo das caixas de aforros".

A xuízo da líder nacionalista, "existen dúbidas da legalidade deste proxecto", xa que "duplica dunha maneira moi clara titulacións xa existentes" no sistema público, aspecto que non permite a lexislación en Galicia.

Fronte á creación dunha universidade privada, Pontón esixiu un reforzo para as entidades académicas públicas, que necesitan "poder recuperarse dos recortes de 825 millóns de euros" que lles aplicou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Oposición dos reitores

O reitor da USC, Antonio López, defendeu a "capacidade das universidades públicas" para dar "solución" ás demandas do estudantado e do tecido produtivo galego.

Ademais, o reitor compostelán manifestou a súa "preocupación" pola calidade que poida ter a educación que se imparta nos centros de Afundación, xa que podería devalarse o concepto de ensino universitario que se ten en Galicia e que sería "prexudicial" para o conxunto do sistema.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reiterou as dúbidas sobre o proxecto, do que o CES informou de xeito negativo, e que, por tanto, debe "corrixir" aqueles aspectos que non cumpran de maneira "estrita" coa norma.

Reigosa defendeu as "fortalezas" dos centros universitarios públicos que, na súa opinión, deben "xogar un papel importante" na reactivación económica de Galicia.