CRTVG

Buscar

O BNG pide un gran acordo para a desescalada por comarcas e xestionada pola Xunta

Publicado o 27/04/2020 07:28
O BNG pide un gran acordo para a desescalada por comarcas e xestionada pola Xunta

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu este domingo en pedir un "acordo de país" para organizar unha desescalada das medidas de confinamento xestionada desde a Xunta e aplicada atendendo á realidade de cada comarca, non nun ámbito provincial ou de área sanitaria.

Así o manifestou en declaracións á prensa tras reunirse xunto aos demais líderes políticos galegos co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a quen afeou que "na práctica viñese a defender que Madrid siga tomando todas as decisións" e pediu, por tanto, "que rectifique a súa decisión".

"Non é por ningunha cuestión ideolóxica, senón porque estamos a ver que, na práctica, tomar decisións conforme ao que pasa en Madrid non se adapta á realidade galega, e por iso temos que ter capacidade para tomar decisións neste ámbito tan importante", apuntou Pontón.

Así, a líder nacionalista tamén tachou de "erro" utilizar as provincias como ámbito para aplicar as medidas de desconfinamento, xa que "non vai funcionar no caso galego", e as áreas sanitarias, dado que en Galicia "vemos como en Lugo e Ourense a área sanitaria corresponde coa propia provincia".

"O máis lóxico é utilizar un criterio comarcal, atendendo ás diferentes realidades de cidades, vilas ou contornas rurais", proseguiu Pontón, quen entende que "é importante chegar a un grande acordo de país" para que as medidas de  desconfinamento sexan "eficaces, adaptadas á nosa realidade e non boten por terra o conseguido".