CRTVG

Buscar

O BNG pide a comparecencia de Feijóo nun pleno monográfico pola covid−19

Publicado o 02/11/2020 12:13
O BNG pide a comparecencia de Feijóo nun pleno monográfico pola covid−19

A líder do BNG, Ana Pontón, pedirá este martes na xunta de portavoces a celebración dun pleno monográfico pola segunda onda de covid−19 en que, cre, debe comparecer o presidente galego Alberto Núñez Feijóo para dar conta da situación que atravesa a comunidade.

"A situación desta segunda onda da covid−19 é demoledora, cun récord diario de contaxios e coas residencias convertidas en zona cero do  coronaviurs", denunciou Pontón, que censurou que a pesar desta situación Núñez Feijóo unicamente compareceu 30 minutos en sede parlamentaria e maioritariamente para "atacar a oposición".

Fronte a esta estratexia, Pontón insistiu en rolda de prensa na necesidade de manter o Parlamento activo de forma que sirva para buscar solucións e propostas para saír da "maior crise económica e sanitaria que vivimos".

Con iso, o BNG móstrase partidario de impoñer "canto antes medidas contundentes" para atallar o virus, tendo en conta que coas restricións marcadas por agora "non se está acertando".

Ana Pontón dixo que bota en falta unha "estratexia clara e eficaz" por parte do Goberno autonómico, ao que pide ademais un reforzo da atención primaria, que non pode quedar desatendida.

Na atención sanitaria "estamos a pasar das listas de espera ás chamadas en espera", ironizou a líder da opoisición, que insistiu na urxencia de adoptar medidas para evitar o colapso do sistema co obxecto de que non se apracen as intervencións de doenzas graves como "parece" que xa se está facendo.