CRTVG

Buscar

O BNG non acudirá á rolda de consultas con Filipe VI

Publicado o 05/12/2019 20:24

•  A Executiva Nacional avalía "moi negativamente" o papel que a monarquía desempeña no contexto actual

• O Rei abre as consultas cos partidos o próximo martes para intentar unha investidura

O BNG non acudirá á rolda de consultas con Filipe VI

 A Executiva Nacional do BNG acordou non participar na rolda de consultas de Filipe VI sobre a investidura do presidente do Goberno central. Diso informa a través dun comunicado, no que apunta que a decisión do Bloque "non só parte da súa profunda convicción republicana e soberanista", senón tamén por avaliar "moi negativamente" o papel que a monarquía e a figura do Rei está a desempeñar no contexto actual.

 

"Nun momento de profunda involución democrática no Estado, en que se están pondo en cuestión dereitos fundamentais e liberdades públicas, Filipe de Borbón asumiu un rol determinante neste proceso, especialmente contra as nacións que formamos parte deste Estado e contra o exercicio dos dereitos colectivos, como é o de autodeterminación, que como tales correspóndenos", subliña o comunicado.

Ademais, engade que resulta "cada vez máis inxustificable" o mantemento dunha institución "anacrónica" como a monarquía, "incompatible cun sistema que se queira democrático". A xefatura do Estado, para os nacionalistas galegos, "debe ser electa polos cidadáns". "Non se sostén en parámetros democráticos unha xefatura do Estado hereditaria e vitalicia e, no caso español, reinstaurada polo ditador Francisco Franco", reproba.

Por iso, para o BNG, "é o momento de avanzar en dereitos e liberdades, tamén nos colectivos como pobo". Reafirma o seu compromiso coa defensa "unha Galicia con plena capacidade para decidir por si mesma sobre os seus asuntos de maneira soberana como premisa para poder construír un país novo, libre e próspero". Por último, reitera que ese compromiso "se plasma en que fronte a este Estado español unitario e cada vez máis autoritario que encarna a monarquía", o Bloque opta por defender "unha Galicia soberana e republicana".