CRTVG

Buscar

O BNG lanza a 'iniciativa Bóveda', por un novo modelo de financiamento

Publicado o 17/08/2021 14:56

O BNG desprazouse a Pontevedra para conmemorar o Día da Galicia Mártir e renderlle homenaxe a Alexandre Bóveda, no 85 aniversario do seu asasinato polos franquistas. O Bloque lanza a 'iniciativa Bóveda' por un novo modelo de financiamento. Cren que a mellor alternativa sería un concerto económico para Galicia, que permita aproveitar os recursos propios. 

"O obxectivo do debate é moi claro: queremos máis recursos para a reconstrución económica, para a sanidade publica, para a educación publica, para coidar o medio ambiente e para poder enfrontar os retos que teñen Galicia", dixo Pontón durante o acto de conmemoración do 17 de agosto, Día da Galicia Mártir, en que rendeu homenaxe ao político nacionalista Alexandre Bóveda, fusilado polos sublevados ao comezo da Guerra Civil.

Pontón sinalou que ese debate é "fundamental" para poder construír o futuro da comunidade e que é "moi grave que Galicia estea desaparecida". A responsabilidade de que iso suceda, dixo, é do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen "está secuestrando os intereses de Galicia única e exclusivamente para ser fiel á estratexia centralista que dita o seu partido desde Madrid".

Feijóo é tamén quen estampou a súa firma no actual modelo de financiamento, caducado en 2014 e que foi "moi lesivo" e "un mal negocio" para Galicia por "opaco, caduco e centralista". Pontón subliñou que en 2018, último exercicio do que hai datos, Facenda recadou en Galicia 13.132 millóns de euros, mentres que o Estado achegou á comunidade 8.158, de modo que o BNG entende que é "importante que a chave do diñeiro non estea en Madrid, senón en Galicia". 

Noticias web

17/08/2021