O apoio do BNG en Madrid pasa polo compromiso coa axenda galega
O BNG insiste en que o seu apoio a Pedro Sánchez pasa polo diálogo e o compromiso do novo goberno coa axenda galega. Esta mañá a voceira, Ana Pontón, dixo que antes de decidir precisan coñecer o programa de goberno do PSOE e de Podemos, que polo de agora é só unha declaración de intencións.
Na xuntanza prevista para inicios da próxima semana, o novo representante no Congreso, Néstor Rego, levará as súas demandas ás negociacións de Madrid.
Ademais, no Consello Nacional celebrado hoxe, o Bloque iniciou o proceso para designar a persoa candidata á presidencia da Xunta para as eleccións do ano que vén. O resultado coñecerase no mes de xaneiro.
"A día de hoxe o BNG non ten decidido cal vai ser a súa posición de voto na investidura. O voto do BNG vai estar claramente condicionado á receptividade da axenda galega, a que se poña freo á involución democrática e ao recorte de dereitos sociais e de liberdades e ao respecto por un marco de plurinacionalidade". dixo Ana Pontón, voceira nacional do BNG.