O BNG inicia unha campaña esixindo ao goberno central a aplicación dos descontos na AP-9
O deputado do Bloque nacionalista Galego, Néstor Rego, anunciaba esta mañá o inicio dunha campaña informativa esixindo a baixada de peaxes da autoestrada AP-9 acordada co Goberno central, mentres non se completa a transferencia da infraestrutura a Galicia.
Acompañado de cargos e simpatizantes do partido nacionalista, o deputado galego, asistiu á despregadura dunha pancarta reinvindicativa en Santiago de Compostela e manifestou que non había razón ningunha para que o Goberno central demorase o decreto para poñer en vigor os descontos na AP-9.
Tamén anunciou que no día de onte tramitaran por vía de urxencia a transferencia da autoestrada a Galicia coa intención de tela finalizada antes do verán, e non desbotou a posibilidade de mobilizacións no caso de non producírense avances.
"Debe acabar dunha vez por todas esa estafa legalizada que supoñen as portaxes da AP-9. Ata que iso non se produza é urxente que se poñan en marcha os descontos previstos. Por iso estamos aquí, iniciando esta campaña, e coa certeza de que se vai facer, pero nós queremos que se faga rapidamente, porque canto máis se demore, máis se prexudican os intereses dos galegos e galegas", afirmou o deputado nacionalista.