CRTVG

Buscar

O BNG di que facilitará a quinta prórroga, pero pide mobilidade entre as provincias galegas

Publicado o 19/05/2020 19:37

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou este martes que o seu partido vai facilitar a aprobación da quinta prórroga do estado de alarma, pero reclamou medidas que revertan a centralización ou permitan a mobilidade entre as provincias galegas. En conferencia de prensa no Congreso, Rego asegurou que o seu partido facilitará a extensión do estado de alarma cunha actitude "responsable e colaborativa" e que "en ningún caso" votará en contra da mesma.

Aínda así, o deputado nacionalista reclamoulle ao Goberno de Pedro Sánchez reverter o proceso de centralización e permitir a mobilidade entre provincias galegas que estean na mesma fase. Afirmou que no decreto aprobado hoxe non se concretaron algunhas cuestións que trataron nas conversas mantidas entre o BNG e o Executivo: "Non se restitúe ese carácter de autoridade dentro do seu territorio e das súas competencias", criticou.

Rego asegurou que desde o seu partido van manter unha actitude dialogante e espera que o acordo entre o Goberno e Ciudadanos non supoña unha "marcha atrás" nas súas conversas. En todo caso, o deputado celebrou a revisión por parte do Executivo dos criterios de repartición do fondo de axuda ás comunidades autónomas, de 16.000 millóns de euros. Na súa opinión, cos criterios anunciados inicialmente, "a práctica totalidade do fondo iría a Madrid e Cataluña", o que prexudicaría a maioría de comunidades autónomas.

"Sistematicamente óbvianse criterios como a dispersión da poboación ou o seu envellecemento, que en Galicia son fundamentais", dixo.

Así mesmo, encomiou a rectificación do Goberno para que a prórroga tivese unha duración de quince días e non dun mes, medida xa aceptada polo Executivo tras chegar a un acordo co partido de Inés Arrimadas: "Parécenos positiva esa decisión de rectificar e continuar con prorrógas de quince días".

Noticias web

19/05/2020