CRTVG

Buscar

O BNG confirma que votará si e despexa a investidura de Pedro Sánchez

Publicado o 03/01/2020 17:22
O BNG confirma que votará si e despexa a investidura de Pedro Sánchez

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, ten xa asegurada a súa investidura en segunda votación xa que o Bloque Nacionalista Galego vota si en virtude dun acordo que asinou co PSOE. Sánchez terá así o vindeiro martes, cando se celebre a segunda votación -na primeira, prevista para o domingo, sería necesaria unha maioría absoluta que non ten-, máis votos a favor que en contra e será elixido por maioría simple.

Ana Pontón viaxou a Madrid para pechar, xunto co deputado Néstor Rego, o acordo que garantiría que Sánchez fora investido presidente do Goberno. Nunha comparecencia, Pontón afirmou que o pacto incluiría a transferencia da AP-9 en 2020, con descontos nas peaxes. Tamén subliñou outras medidas, como unha solución para as industrias electrointensivas, máis xulgados de violencia de xénero nas cidades galegas e o desbloqueo das transferencias.

Ana Pontón dixo que este acordo sitúa a Galicia no mapa político e equipáraa coas outras comunidades históricas.

Sánchez conta cos votos a favor de Unidas Podemos, PNV, Máis País,  Compromís, Teruel Existe e BNG, cos que suma un total de 167 votos fronte a 164 votos en contra de PP, Ciudadanos,  Vox,  Junts  per Catalunya, a  CUP, Unión do Pobo Navarro, Foro Asturias e Partido Rexionalista Cántabro, que rectificou a súa disposición inicial a favorecer a investidura tras coñecer o contido do pacto do PSOE con ERC. A última hora do venres, Coalición Canaria decidiu absterse. A militancia de EH Bildu, tamén ratificou a abstención dos seus deputados.