CRTVG

Buscar

O BNG denuncia ante a xunta electoral o uso da Xunta por parte do PP

Publicado o 25/02/2020 11:39
O BNG denuncia ante a xunta electoral o uso da Xunta por parte do PP

O BNG decidiu denunciar ao PPdeG e a Alberto Núñez Feijóo ante a xunta electoral por utilizar a web institucional da Xunta "para facer propaganda en beneficio do PP".

A formación nacionalista advirte nun comunicado de que non só se está utilizando a canle oficial "para pregoar supostos logros do PP senón que mesmo úsase a páxina web do Executivo galego para difundir unha campaña institucional" que imita o lema utilizado na precampaña electoral co que se está promocionando ao candidato popular.

Para o Bloque é un caso de flagrante incumprimento da Lei Electoral que recolle expresamente que "desde a convocatoria das eleccións ata a celebración das mesmas queda prohibida calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos, ou que se utilicen imaxes ou expresións coincidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas que concorren ás eleccións".

O BNG denuncia a vulneración deste artigo por parte do PP por usar a web da Xunta e valos publicitarios "para difundir mensaxes similares e mesmo idénticos ás usadas polo propio PP" durante a precampaña electoral.

Critican tamén que a web institucional acumula desde o día da convocatoria das eleccións numerosas de notas de prensa difundindo "supostos logros do Goberno do PP".

"Entendemos que, como marca a lei, os poderes públicos deben respectar sempre os principios de neutralidade, obxectividade e transparencia, en particular ante unha cita coas urnas; todo o contrario do que está a facer o PP", denuncia o dirixente do BNG, Rubén Cela.

Cela, quen considera "impresentable que a precampaña electoral do PP sexa practicamente idéntica a campaña electoral da Xunta de Galicia".