BNG e PSdeG cualifican de "chapuza" o ocorrido co certificado covid
• Os nacionalistas solicitan a comparecencia de Feijóo para dar explicacións

O BNG coincide en cualificar de "chapuza" o ocorrido co certificado covid na hostalería e pedirá a convocatoria da Deputación Permanente do Parlamento para que compareza o presidente da Xunta e dea explicacións.
O voceiro de industria da formación política, Ramón Fernández, acusa o Goberno galego de improvisar e de falta de sensibilidade e empatía cun dos sectores máis afectados polas restricións da pandemia. E reclama certezas e axudas para a hostalería.
Para o PSdeG-PSOE, esta decisión evidencia "a chapuza da Xunta na xestión da pandemia". Gonzalo Caballero salienta que se saltaron dereitos fundamentais da cidadanía sen pedir o aval da xustiza.
Asegurou que Galicia precisa un goberno que non cree problemas e instou o presidente da Xunta a deixar as vacacións e buscar solucións para a hostalería e os cidadáns.