CRTVG

Buscar

O BNG anuncia unha "ofensiva política" contra as peaxes nas autovías

Publicado o 19/05/2021 14:30

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou unha "ofensiva política" do BNG no Parlamento, no Congreso e nos concellos contra a posibilidade de que o Goberno do Estado cobre peaxes nas autovías.

Segundo denunciou en rolda de prensa, a decisión "está a xerar unha gran preocupación e oposición social, tanto entre a cidadanía, que ve con escándalo un novo sabrazo a unhas economías familiares moi debilitadas, como entre as empresas, porque a medida afectaría de cheo a súa competitividade".

Para a líder nacionalista, a proposta é especialmente negativa para Galicia pola "condición periférica, o menor nivel de renda da cidadanía e por un infradesenvolvemento das redes públicas de transporte". Ao seu parecer, a implementación das peaxes "só ten afán recadador e como único beneficiario, ás multinacionais da construción".

Para tentar frear esta decisión, os nacionalistas iniciarán unha campaña nas institucións que comezará cunha proposición non de lei no próximo pleno da cámara "para conseguir unha declaración unánime de Galicia ante esta medida".

Seguiranlle mocións nos concellos para trasladar o debate ao conxunto de Galicia e iniciativas no Congreso para que o Goberno central retire a medida debido porque "ten unha débeda histórica con Galicia en infraestruturas", ao que se suma "o lastre de soportar peaxes elevadísimas en vías estratéxicas como a AP-9".

"O que debe facer o Executivo de Sánchez é aplicar, dunha vez por todas, as rebaixas das peaxes da AP-9 negociadas co BNG, en lugar de idear novas formas de penalizar a maioría social", sentenciou. Ademais, Pontón negou que o pagamento nas autovías sexa "unha medida ecolóxica".

Noticias web

19/05/2021