CRTVG

Buscar

O Blue Star será remolcado ata o porto da Coruña

Publicado o 23/11/2019 14:38


Tres remolcadores e un helicóptero de Salvamento Marítimo, o Helimer 401, traballan nos labores de rescate, coa asistencia de lanchas e tamén persoal en terra. Aproveitando a pleamar, prevén desencallar o Blue Star e conducilo ata o porto da Coruña. Foi preciso recorrer a cabos especiais polas dimensións do buque.

Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias: "Están buscando estachas especiais, porque hai que facer moita forza e poden romper. Desde Salvamento son positivos, pensan que hai posibilidades de sacalo e vano intentar". 

Segundo as primeiras valoracións, o buque apenas sufriu desperfectos, polo que se optou polo traslado a flote.

Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias: "Ten algunha rotura na proa, pero é un barco de dobre casco e non ten vía de auga, por iso se vai remolcar". 

Malia a que o barco non levaba carga, activouse en fase de alerta o Plan de Contaminación Mariña Accidental ante unha eventual perda do propio combustible do buque.

Alfonso Rueda, Vicepresidente da Xunta: "Está sempre o perigo do posible vertido de fuel, pero esperemos que non se produza e que se poida remolcar coa pleamar para que remate o antes posible". 

A climatoloxía das próximas horas será decisiva nos labores de rescate e traslado do barco.

Noticias web

23/11/2019

Máis sobre Ares