CRTVG

Buscar

O Blue Star permanece varado en Ares coa tripulación a salvo

Publicado o 23/11/2019 12:22

• O quimiqueiro, de 128 metros de eslora, e sen carga, encallou contra os penedos e permanece varado a escasos metros dos cantís

Os remolcadores tratarán de rescatalo coa preamar

 

Imaxes en exclusiva desta mesma mañá de sábado recollidas pola Televisión de Galicia, onde se ve o buque Blue Star. Coa imaxe do Prestige e a do Mar Exeo na mente, esta noite o quimiqueiro, con bandeira de Malta, volveu prender todas as alarmas e as peores lembranzas na ria coruñesa de Ares. O buque, de 128 metros de eslora encallou contra os penedos e permanece varado a escasos metros dos cantís, preto da praia da Barrosa en Ares e a poucos metros dos coñecidos baixíos das Mirandas. No seu interior permanece a salvo a tripulación e segundo fontes de emerxencia, o buque non levaba carga e non se temen danos medio ambientais.

Salvamento Marítimo informa de que a tripulación do buque atópase a bordo e todos eles están en bo estado de saúde.  Nun primeiro momento barallouse a posibilidade de evacualos en helicóptero, pero finalmente non foi posible. De feito a forte ondaxe tamén obrigou a afastarse aos remolcadores que acudiran na axuda do petroleiro. O Blue Star foi construído en 2011. Ten 128 metros de eslora e adícase ao transporte de produtos químicos e petróleos. Neste momento está baleiro xa que ía cargar combustible.

No lugar permanecen os remolcadores Ria de Vigo e María Pita, e acaba de chegar a zona dende a súa base o buque Don Inda, que poderían tentar remolcalo coa preamar, prevista para a unha do mediodía. Durante a noite despregouse un operativo especial, no que participou ademais o helicóptero Helimer 401, aínda que o forte temporal con ondas de ata cinco metros na zona, impediu a súa actuación. Ao longo da noite púidose ver a tripulación sobre o barco realizando tarefas de inspección do seu estado, especialmente sobre as dúas da madrugada, cando a preamar batía con máis forza contra os mamparos do buque.

O Blue Star é un buque construído en 2011, que proviña de Bilbao e tiña previsto cargar combustible nas instalacións portuarias da Coruña. Estaba fondeado na ría de Ares, pero cando se dirixía cara o porto herculino o seu rumbo cambiou e acabou nos cantís.

 

Noticias web

23/11/2019