CRTVG

Buscar

A apertura do curso xudicial recrúa a lea entre PSOE e PP pola renovación do CXPX

Publicado o 06/09/2021 08:40

O rei Filipe VI preside este luns a apertura do ano xudicial no Tribunal Supremo, un acto que este ano estará marcado polo bloqueo na renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. Goberno e PP seguen sen achegar posturas. 

Será o acto de apertura máis tenso dos últimos anos e, por terceira vez, celebrarase coa renovación do máximo órgano de goberno dos xuíces aínda pendente. O Consello Xeral do Poder Xudicial debe renovarse cada cinco anos, pero o mandato dos seus membros actuais caducou a finais de 2018. Leva máis de mil días en funcións.

Con este panorama, é previsible que o discurso do presidente do CXPX Carlos Lesmes volva centrarse en denunciar, como fixera o ano pasado, a necesidade de por fin ao pulso político entre PP e PSOE e advertir dos perigos que para a independencia xudicial supón a falta de renovación do órgano.

Pero lonxe de achegaren posturas, o desacordo entre PP e PSOE agravábase tras a volta das vacacións. Os populares seguen mantendo a súa esixencia de que na próxima renovación, 12 dos 20 vocais pasen a ser elixidos polos xuíces sen a participación das Cortes e que Unidas Podemos quede á marxe da negociación. Pero o Goberno segue defendendo o sistema actual de elección dos xuíces.

No PSOE acusan o PP de ser un partido irresponsable. Pedro Sánchez di que o PP ten un comportamento antidemocrático e que non acepta o resultado electoral de 2019.

O PP replica a Sánchez que deixe de insultar

O Partido Popular, a través do seu vicesecretario de Comunicación Pablo Montesinos, asegurou este luns que o que bloquea a renovación do Poder Xudicial é o presidente do Goberno Pedro Sánchez, e esixiulle que deixe de "insultar" este partido e descolgue o teléfono para pactar unha reforma.

"Hoxe mesmo poderíanse sentar as bases dun acordo. Pedro Sánchez só ten que facer unha cousa: cumprir a súa palabra. Dixo que os políticos non podemos elixir os xuíces e estamos de acordo con ese Pedro Sánchez", sinalou Montesinos nunha entrevista en Televisión Española, en alusión á postura mantida polo xefe do Executivo en 2014.

A xuízo do partido de Pablo Casado, "absolutamente todo o mundo" —a UE, o comisario de Xustiza europeo e a maioría de españois— pide que os xuíces elixan os xuíces, polo que é Sánchez quen debe "rectificar".

O Goberno pide por carta a Casado que volva á institucionalidade

A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno Isabel Rodríguez informou de que este luns remitiu unha carta ao líder do PP Pablo Casado "para que volva á senda da institucionalidade, e isto é moi grave".

Nunha entrevista en RNE, Rodríguez afirmou que o Goberno está disposto a revisar o sistema de elección do Poder Xudicial e a estudar "todos os escenarios", pero sempre despois de renovar o actual Consello Xeral do Poder Xudicial.

Máis aló deste asunto, a apertura do ano xudicial centrará as olladas en Dolores Delgado e en Filipe VI, que hoxe se verán despois de que a Fiscalía pedise información a Suíza para investigar se o rei emérito se enriqueceu con comisións internacionais.

 

Noticias web

06/09/2021