CRTVG

Buscar

O bloqueo e o financiamento autonómico centran a primeira sesión de control ao Goberno do Senado

Publicado o 11/09/2019 08:33

Retomouse a actividade do Senado coa sesión de control ao Goberno, pero a mesa da cámara alta acordou que a este pleno non acudiría o presidente do Goberno en funcións. E aínda que non estaba Pedro Sánchez, o Partido Popular acusouno de ter España bloqueada e de estar xogando ao cálculo electoral.

"Por que Sánchez é o único e o último socialista que é incapaz de alcanzar un acordo con Podemos?. Traslade ao señor Sánchez que queira a España polo menos tanto como se quere a el mesmo. Igual espertamos do bloqueo e evitamos o bochorno de ter que ver a todos os españois acudir por cuarta vez consecutiva a unhas eleccións xerais", di Javier Maroto o voceiro do PP no Senado.

"No que estou de acordo con vostede é en que a situación económica de España e as perspectivas serían aínda mellores se tivésemos goberno. Se de verdade lle interesa o benestar dos españois non ten máis que asumir a responsabilidade que lle correponde. Abstéñanse, apoien a formación dun goberno, desbloqueen o país", responde Nadia Calviño, ministra de Economía en funcións.

O ton elevouse co financiamento autonómico. Os nacionalistas cataláns, Ciudadanos e mais a Esquerda Confederal preguntaronlle á ministra de Facenda en funcións por cando van recibir as comunidades as entregas á conta. Montero retrucoulles a todos co mesmo argumento. Se apoiasen a investidura de Sánchez a transferencia deses fondos xa estaría autorizada.

"A escusa de que están en funcións non serve poruqe a nosa xente non están en funcións, a nosa sanidade non está en funcións. Non estaban en funcións hai escasas semanas para gastar 2.100 millóns en comprar tanques", espeta Carles Mulet, do Grupo Parlamentario da Esquerda Confederal.

"O arranxo é fácil para non estar en funcións. Voten na investidura se non teñen unha alternativa, voten. O que se debe das entregas a conta equivale a quince días de tesourería das cmunidades autónomas. Non é que non se lles entregasen cartos, nin que teñan que facer recortes", retruca María Jesús Montero, ministra de Facenda en funcións.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019