CRTVG

Buscar

Bruxelas aperta a España para que renove o CXPX e reforme o sistema de elección

Publicado o 20/09/2021 20:03

As catro principais asociacións españolas de xuíces buscaron en Bruxelas o empurrón do comisario europeo para desbloquear a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, que leva tres anos pendente.

Concepción Rodríguez, presidenta do Foro Xudicial Independente, explicou: "Catro asociacións estamos de acordo en que a situación actual de non renovación é un problema e que ese problema non se pode tratar sen un cambio de sistema".

Explicáronlle a Didier Reynders que queren ademais un cambio legal para despolitizar a elección do órgano de goberno dos xuíces, aínda que difiren en se hai que facelo antes, despois ou durante a renovación. A progresista Xuízas e Xuíces para a Democracia pensa que hai que desligalo.

Fernando de la Fuente, viceportavoz de Xuízas e Xuíces para a Democracia,  cre que "o que lle preocupa ao comisario é que non se renoven os órganos constitucionais porque iso está afectando un servizo público e, en definitiva, os cidadáns".

Escoitadas as partes, o comisario non se inclina por ningunha, pero fai súas as dúas reclamacións.

Didier Reynders, comisario europeo de Xustiza, afirmou: "É moi importante que teñamos unha renovación deses organismos e é posible facer os nomeamentos cunha maioría cualificada no Parlamento. Pedimos que a maioría dos membros do consello xudicial sexan xuíces elixidos por xuíces, polos seus pares. É moi importante".

Reynders asegurou que a comisión non pon en dúbida a independencia da xustiza española.

Manuel Almenar, presidente da Asociación Profesional da Maxistratura, sostén que "a situación de España non ten nada que ver coa de Polonia ou a de Hungría".

O comisario non puxo prazos, pero si lanzou unha advertencia aos partidos: se o bloqueo continúa, córrese o risco de que medre a desconfianza dos cidadáns no seu sistema xudicial.

Noticias web

20/09/2021