CRTVG

Buscar

O bebé abandonado en Culleredo está xa cunha familia de acollida

Publicado o 23/09/2020 14:20

En bo estado e dentro dunha caixa de zapatos. Así atopou unha muller o bebé, a carón deste pavillón de Tarrío, hai xa dez días. Sen perder un intre, alertou a Garda Civil. Xa no lugar, os axentes localizaron o bebé e chamaron o 061, que, tras facerlle as primeiras exploracións, seguiron o protocolo habitual e trasladaron o meniño ao Hospital Materno Infantil da Coruña. Aquí, malia que o seu estado de saúde non presentaba complicacións, estivo ingresado uns días por decisión dos médicos. Entrementres, a Policía Xudicial da Garda Civil traballaba na investigación.

"Un garda civil andaba buscando a persoa que puido deixar o bebé. Pero, vaia, a verdade é que eu non sei máis do caso", comenta un veciño da zona.

Finalmente, os axentes lograron localizar a nai do bebé, que asinou unha renuncia da súa tutela. Daquela, foron os servizos sociais da Xunta quen se fixeron cargo do pequeno, que arestora está xa cunha familia de acollida. Con ela continuará durante seis semanas. Despois deste tempo, volveráselle requirir á proxenitora que asine unha segunda renuncia. Se o facei, o neno será dado en adopción. 
Polo momento, a investigación segue aberta. Os axentes queren esclarecer as causas deste suceso.

A nai está en liberdade con cargos. 

Noticias web

23/09/2020