CRTVG

Buscar

O BCE reforza con 600.000 millóns de euros a compra de débeda pola pandemia

Publicado o 04/06/2020 14:26

• O plan da entidade europea contra a crise do coronavirus supera os 1,35 billóns

O Banco Central Europeo (BCE) decidiu este xoves aumentar o volume das compras de débeda de emerxencia fronte á pandemia de COVID-19 en 600.000 millóns de euros, ata alcanzar 1,35 billóns, pola revisión das previsións de inflación.

A entidade informou de que o Consello de Goberno tamén decidiu prolongar a súa duración, "polo menos ata finais de xuño de 2021", cando ata o de agora asegurara que compraría débeda en calquera caso ata final deste ano.

En canto aos tipos de xuro, decidiu manter o das operacións principais de financiamento no 0 %, o da facilidade marxinal de crédito no 0,25 % e o da facilidade de depósito no -0,50 %.

Desde finais de marzo, o BCE compra débeda da zona do euro para facer fronte ao impacto da pandemia de coronavirus nas condicións de financiamento dos países que comparten o euro e planea reinvestir o principal dos valores adquiridos para facer fronte á pandemia ata, polo menos, finais de 2022.

Ata o 29 de maio, adquiriu débeda por valor de 234.665 millóns, dos que 186.603 millóns foron débeda pública, 35.384 millóns pagarés e 10.579 millóns bonos corporativos.

A peculiaridade do novo programa de compra de débeda é que é flexible e o BCE pode comprar máis débeda dun país nun momento dado se a súa prima de risco se dispara no mercado. 

"Estas compras continuarán realizándose con flexibilidade ao longo do tempo, entre distintas clases de activos e entre xurisdicións", reiterou hoxe o BCE.

O Consello de Goberno espera que os tipos de xuro continúen nos niveis actuais, ou en niveis inferiores, ata que observe que as perspectivas de inflación alcancen un nivel algo por baixo do 2%, e isto repercuta na evolución da inflación subxacente.

Así mesmo, o BCE mantén o seu anterior programa de compra de débeda a un ritmo mensual de 20.000 millóns, unhas compras que espera que finalicen pouco antes de que comecen a subir os tipos de xuro oficiais.

A entidade tamén publica hoxe as súas novas proxeccións macroeconómicas e espérase unha forte rebaixa dos seus prognósticos de crecemento.