O BCE mantén os tipos de xuro e amplía a liquidez dos bancos para que presten a familias e empresas
O Banco Central Europeo (BCE) quere convencer aos bancos de que presten ás empresas e fogares, dado que a economía da zona do euro sofre unha "contracción dunha magnitude e velocidade sen precedentes en tempos de paz" que podería chegar ao 12 % este ano, dixo a súa presidenta, Christine Lagarde. O Consello de Goberno do BCE decidiu hoxe dar máis liquidez aos bancos e baixar os tipos de xuro das operacións de refinanciamento a tres anos que xa ten.
Ademais, Lagarde salientou a disposición para aumentar as compras de débeda para que todos os países que comparten o euro poidan financiarse a unhas taxas baixas e non suban as primas de risco de países como Italia, España e Grecia. O BCE, que mantivo os tipos de interese na zona do euro e os estímulos monetarios, de momento non aumenta as compras de débeda, pero vai dar aos bancos máis liquidez e en mellores condicións para que presten ás empresas e fogares. Por iso, a entidade monetaria deixa inalterados os tipos de xuro no 0 % e a facilidade de depósito no -0,50 %, porcentaxe que seguirá cobrando aos bancos polo exceso de reservas a un día.