O BCE aumenta compras de débeda en 500.000 millóns de euros fronte á pandemia

O Banco Central Europeo (BCE) decidiu este xoves aumentar o volume de compras de débeda de emerxencia fronte á pandemia da covid-19 en 500.000 millóns de euros, ata 1,85 billóns de euros, e prolongalas ata, polo menos, maro de 2022.
O BCE informou tras a reunión do Consello de Goberno de que, en calquera caso, comprará débeda ata que considere que concluíu a crise polo coronavirus.
O Consello de Goberno tamén decidiu prolongar o reinvestimento do principal dos bonos adquiridos debido á pandemia e que vencen ata finais de 2023.
O BCE mantén o tipo de xuro das operacións principais de financiamento, as poxas semanais, no mínimo histórico do 0%.
Tamén deixa inalterada a facilidade de depósito no -0.50% e os tipos de interese da facilidade marxinal de crédito no 0.25%.
A entidade monetaria espera que os tipos de interese oficiais continúen nos niveis actuais ou inferiores, ata que a inflación suba ata un nivel suficientemente próximo, aínda que menor, ao 2%. Ese incremento deberá reflectirse "de forma consistente na evolución da inflación subxacente", segundo o BCE.
A entidade tamén vai inxectar máis liquidez moi barata a longo prazo ata decembro de 20214 e prolongar o período de condicions de financiamento, que aprobou en abril debido á pandemia. Deste xeito o BCE quere asegurar que os bancos poidan usar completamente as operacións de liquidez.
Así mesmo, o BCE vai ofrecer en 2021 máis liquidez noutras catro operacións adicionais a longo prazo específicas pola pandemia. O BCE vai seguir prestando aos bancos toda a liquidez que soliciten mediante o procedemento de adxudicación plena todo o tempo que sexa necesario.
As medidas aprobadas hoxe contribuirán a "preservar unhas condicións de financiamento favorables durante a pandemia ao apoiar o crédito a todos os sectores da economía". O BCE considera que a incerteza sobre a evolución da pandemia é elevada e tamén sobre o momento o que estará dispoñibles as vacinas.
A entidade monetaria vai seguir observando os movementos dos tipos de cambio e as súas implicacións para a inflación a medio prazo.