CRTVG

Buscar

O BBVA defende que non ten responsabilidade no caso Villarejo

Publicado o 20/11/2019 20:32
O BBVA defende que non ten responsabilidade no caso Villarejo

O BBVA volverá declarar o próximo 29 de novembro na Audiencia Nacional como persoa xurídica investigada por suposto suborno, revelación de segredos e corrupción nos negocios polos traballos de espionaxe que a entidade encargo ao excomisario de policía José Villarejo.

Segundo informaron a Efe fontes xurídicas, o xuíz Manuel García Castelló emprazou para esa data o director dos Servizos Xurídicos do banco, Adolfo Fraguas, que este mércores respondeu durante tres horas e media a todas as preguntas expostas polo maxistrado e os fiscais, ante os que defendeu que dos feitos investigados non se deriva ningunha responsabilidade para o BBVA.

Así o explicou a entidade nunha nota de prensa, na que lembra que o proceso continúa baixo secreto de sumario e reitera o seu compromiso coa xustiza, coa que colaborou de forma "proactiva" desde o inicio da causa achegando documentación e o propio informe 'forensic' elaborado por Garrigues, Uría Menéndez e PwC.

"A nosa prioridade é o esclarecemento dos feitos, como fixemos ata o de agora. Somos un banco con fontes valores e principios que guían o noso comportamento cada día", incidiu o presidente do BBVA, Carlos Torres Vila.

Tal como apuntaban fontes xurídicas, Fraguas non se acolleu ao dereito a non declarar que lle asiste como investigado, como si fixeron a maior parte dos imputados nesta causa co argumento de que a peza na que se investiga a relación do banco con Villarejo continúa baixo secreto. Deste xeito, seguiu a mesma liña do ex-presidente do BBVA Francisco González, que este luns accedeu a prestar declaración na súa citación como investigado; fíxoo para desvincularse do excomisario e defender a actuación da entidade, máis aló dalgunha conduta individualizada que, de confirmarse, podería ter reproche penal.

A do BBVA é a novena peza do caso Tándem e xira arredor das contratacións que realizaría o banco desde 2004, cando a construtora Sacyr iniciou un movemento para tratar de tomar o control da entidade e que finalmente non tivo éxito.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/11/2019