O Baxi Ferrol xoga a permanencia ante o Ensino coa tvG2 en directo
"Eu creo que é o partido máis importante da temporada", salientou a capitá do Baxi Ferrol, Patri Cabrera.
No Baxi Ferrol téñeno claro: rematou a marxe de erro. Se queren seguir loitando pola permanencia precisan derrotar o Ensino na Malata, precisan seguir coa boa xeira na casa, onde gañaron os dous últimos partidos que xogaron.
"Na Malata son fortes ata o final e, agora mesmo, cren no que están facendo e iso convérteas nun equipo moi complicado", explicou Xoán Nécega, o técnico do Ensino. E a base do Baxi Ferrol, Marina Delgado, engadiu que "imos intentar correr, que o ritmo do partido o levemos nós porque vai ser a maneira de poder gañar".
Defensa, rebote e contraataque. Por aí pasan as chaves do encontro, vital para o Baxi Ferrol, especial para a ferrolá do Ensino Arancha Gómez Novo.
"É a miña cidade, están os meus amigos, a miña familia... pero é un partido no que elas xogan moito, para elas cada partido é unha final, e nós tamén xogamos moito", recoñeceu a xogadora departamental.
Todas as xogadoras do Baxi Ferrol se atopan en boas condicións para o encontro. O Ensino viaxa coas baixas de Ángela Salvadores e Traore, a incorporación da italiana Marzia Tagliamento e as molestias físicas de Breedlove, que se probará antes do choque para ver como se sente.