CRTVG

Buscar

O barullo e as leas nas noites da fin de semana provocan queixas veciñais en Ourense

Publicado o 31/08/2021 15:14

Imaxes gravadas a principios deste mes de agosto amosan un altercado entre varias persoas nunha das rúas da zona vella de Ourense. Fontes veciñais aseguran que episodios similares repetíronse durante as seguintes fins de semana noutros puntos das zonas de ocio nocturno.

"Sobre todo, na parte vella, na praza do Ferro e por aí, hai bastantes liortas, houbo pelexas fortes de mesmo máis de quince rapaces, con todo tipo de obxectos, tirándose mesas, tallos, con bates de béisbol e de todo", explica un veciño. 

Entre a veciñanza hai quen asegura que isto non é un problema específico da xuventude ourensá, senón unha situación que se repite en moitas outras cidades.

Un veciño asegura que "a xente nova cando ten algo de fundamento para poder saír é difícil frealo. É algo natural en todos os sitios, só hai que ver as noticias nacionais e internacionais e sempre é o mesmo", mentres que outro opina: "Agora é unha desorde, ademais o mundo ten que seguir e hai que traballar e hai que gardar as distancias e as máscaras e non hai outra cousa máis de solución".

Polo momento, a Policía Local e o concello de Ourense non facilitaron datos con respecto a estes altercados que segundo a veciñanza se están producindo nas noites da fin de semana.

Noticias web

31/08/2021