CRTVG

Buscar

O barco de Greenpeace recibiu 5.000 visitantes en Vilagarcía

Publicado o 29/07/2019 16:04

A campaña cidadá de Greenpeace contra o cambio climático tivo un gran eco en Galicia. Máis de 5.000 persoas visitaron o barco da organización no porto de Vilargacía. Amais de concienciar, o seu obxectivo é dar a coñecer propostas concretas para frear o quentamento global xa.

Nesta escala no peirao de Vilagarcía, a última do Rainbow Warrior en portos españois, o barco recibiu tantas visitas como tivera por xunto en Barcelona e Málaga. Á hora de facer balance, amais de celebrar esta gran acollida en Galicia da súa campaña 'En marcha polo clima', a organización incidiu nas amezas e nos retos que implica o quentamento global.

Na nosa comunidade consideraron prioritario acelerar a transición enerxética e pechar as centrais térmicas, que supoñen un terzo das emisións de CO2.

Un dos obxectivos da campaña é divulgar as múltiples alternativas que temos xa os cidadáns, amais do autoabastecemento, para acelerar esa transición enérxetica.

En Alemaña a suma destes pequenos produtores fai que supoñan xa o equivalente á sexta compañía eléctrica do país.

No balance da campaña de Greenpeace presentáronse ademais iniciativas para pasar á acción no ambito educativo coma os 'Recreos residuo cero' e insistiron tamén na necesidade de desterrar dunha vez por todas o negacionismo, que non ten ningún fundamento a nivel científico e responsabilizarnos xa do futuro do planeta.





 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/07/2019