CRTVG

Buscar

O Barcelona recibe a goleada máis grande da súa historia en Europa

Publicado o 14/08/2020 22:35
O Barcelona recibe a goleada máis grande da súa historia en Europa

O F. C. Barcelona recibiu a goleada máis grande da súa historia (2-8) en competicións europeas. As imaxes de Lionel Messi coa cabeza gacha reflectiron a impotencia dun xogador que ten o gañar no seu ADN. A derrota pon no punto de mira un Bartomeu que podería pasar á historia nunha das páxinas máis grises do libro do Barcelona, e tamén un Setién que hoxe volvemos ver como un simple espectador, sen ningunha autotidade.

Este foi o resultado, malia que o Barça comezou enchufado no partido. Unha obra de arte de Müller poñía o 1 a 0 no minuto 3, pero catro minutos despois, unha asistencia de 40 metros de Lenglet deixaba só a Jordi Alba diante de Neuer. O pase da morte buscando a Suárez acabouno metendo Alaba pola escuadra da súa propia portería.

O Barça reaccionou. Primeiro cun man a man de Suárez que salvou Neuer e despois cun centro-xute de Messi que acabou petando no poste.

Pouco durou a arreada do Barcelona e pouco a pouco o Bayern foise facendo co dominio do partido. E a partir do minuto 21 comezou o pesadelo con tres goles en apenas 10 minutos (Perisic no 21', Gnabry no 27' e Müller no 31'). O partido marchaba 1-4 ao descanso.

Na segunda metade, Setién confiáballe a milagre a Griezmann, que entraba por un Sergi Roberto desaparecido. Pero no canto de reaccionar, a tónica seguiu sendo a mesma.

Messi, xa convertido en mediocentro, inventou un pase de fantasía no minuto 57 que habilitaba a Jordi Alba. O centro do lateral atopaba as botas de Luis Suárez que, cun caneo espectacular, se desfacía de Boateng e batía a Neuer por baixo. 2-4. Había esperanza.

Pero a esperanza durou ata que un rapaz de 19 anos fixo a xogada da noite. Davies emulou a Messi desfacéndose de Semedo cunha demostración de calidade e potencia, para poñerlle un balón a Kimmich que só tivo que empurrar á rede (2-5). Acabouse o partido.

A partir de aí foi un sufrimento para o Barça. As facianas de Messi e Setién reflectían a impotencia dun equipo que necesita un cambio de rumbo.

A humillación da goleada histórica consumaríase co gol de Lewandowski (82') e os dous tantos de Coutinho (85' e 89') que, para máis inri, pertence ao Barcelona e está cedido no Bayern.