CRTVG

Buscar

O Barcelona malla na Real Sociedade, e Arconada critica o formato da Supercopa

Publicado o 10/02/2020 00:00

A festa do fútbol feminino español deixou á vista as carencias que aínda ten este deporte. Nada máis comezar, as xogadoras pasaron 30 segundos de brazos cruzados para protestar polo atraso na sinatura do convenio colectivo, que segue adiándose. E logo comezou o recital do Barcelona. 2-0 no minuto 7, tres goles en tres minutos para poñer o 5-0 no 36 e outro máis antes do descanso: 6-0. 10-1 ao final, con catro goles de Marta Torrejón, dous de Oshoalae outros dous de Alexia Putellas. Graham Hansen e Carmela Andújar meteron os outros dous. Manu Lareo fixo o da honra para as donostiarras. A superioridade física e de orzamento das culés, que lles permite fichar moitas estranxeiras e rotar máis ca os rivais, levou o adestrador realista, Gonzalo Arconada, a recoñecer que non poden competir contra este Barcelona e a culpar a Liga e a Federación por escoller este formato de catro para a Supercopa.

"Buscar unha competición na que saben que a única opción era que gañase o Barcelona e humillar así os demais. É algo sobre o que teñen que reflexionar a Liga e a Federación, que cada vez haxa máis xogadoras estranxeiras", explicou o adestrador donostiarra.

O poderío do Barcelona levouno a gañar a primeira Supercopa de España da historia.

Noticias web

10/02/2020