O Barcelona impón a súa lei en Riazor e dá un golpe á OK Liga (3-7)
O partido púxoselle moi complicado ao Liceo dende o comezo. Nun só minuto Hélder Nunes batía por dúas veces a portería liceísta. A primeira cun gran disparo e a segunda logo dunha boa xogada persoal.
Os de Juan Copa, reduciron diferenzas a falta de pouco máis dun minuto para o descanso a través de Jordi Adroher. Pero na xogada seguinte o cadro barcelonista volvía recuperar a renda de dous goles grazas ao ex-liceísta Pablo Álvarez. A diferenza ampliouse á volta do descanso co gol de Matías Pascual aos dous minutos.
O quinto foi obra de Pau Bargalló nunha falta directa e amosando a superioridade do cadro catalán na tarde de hoxe no pavillón de Riazor. Pero o Liceo non se rendeu, seguiuno tentando e conseguiu facer o 5-2 cun gol do capitán Dava Torres. Pero o partido era culé e Hélder Nunes volveu amosar a súa potencia de disparo para establecer o 6 a 2.E como o partido era para especialistas Jordi Adroher quixo tamén demostrar que a balón parado hai moi poucos xogadores na liga coa súa capacidade. Non baixou o ritmo o Barça en ningún momento.
O partido abría as portas da liga e os culés quixeron dar un golpe na mesa. Fixeron o sétimo e levan unha vitoria contundente da casa do seu principal rival.