CRTVG

Buscar

O Barcelona elimina o Nápoles cun gran Messi

Publicado o 09/08/2020 14:42

 A advertencia de Messi ao equipo que deixou escapar a Liga tomou forma ante o Nápoles. O capitán pediu unha reflexión aberta e que se pelexase pola Liga de Campións. Meu dito, meu feito. O Barcelona máis italiano selou o pase a cuartos cun 3-1 no Camp Nou.

Un resultado enganoso, que agocha as carencias dun Barça que pouco máis ten para exhibir que a calidade de Messi. O dianteiro celebrou con furia o primeiro tanto, o de Lenglet. Que o dez anhela a Champions non é un segredo. Messi rebélase contra o futuro e tira de excelencia para manter viva a chama do grupo. Para mostra o 2-0, o gol dun xenio.

O Barcelona, apagado no colectivo, enconmedouse ao seu capitán. Anuláronlle un tanto e sorprendeu a Koulibaly nun despexe cando xa el lle roubara o balón na área. O VAR sinalou o penalti que posteriormente transformou Suárez.

Resentíase a perna esquerda do arxentino e pagouno o equipo, que a partir dese momento sufriu para defender o marcador. O Nápoles meteuse nun partido que semellaba encamiñado e fixo o 3-1 dende os 11 metros tras esta acción de Rakitic sobre Mertens.

Á volta do descanso non houbo noticias dos de Setién. Nin un só disparo a porta, sen contar este amago de Messi. Descartada a posesión e mailo control, os azulgrá apertaban os dentes cun ollo posto sempre no reloxo. Só xogaba o Nápoles. Setién fixo debutar a Monchu a dez minutos do final. Pero xa o equipo facía augas ante un rival que, para sorte dos locais, dominaba sen marcar.

O Barcelona defendeu o resultado da mesma forma que defenderá as súas opcións en Lisboa. Todo pode pasar na Champions máis aberta dos últimos anos. Mentres tanto, os de Setién gañan tempo.

Noticias web

09/08/2020