CRTVG

Buscar

O Barcelona colle ritmo e golea en Granada

Publicado o 09/01/2021 23:00

 


Granada C. F. 0 F. C Barcelona 4

Parece que Ronald Koeman deu coa tecla nos últimos partidos. O Barça gañou con certa comodidade en Granada, suma tres vitorias consecutivas na liga e xa é o terceiro na clasificación. Ademais, Messi sorrí con máis frecuencia e xa encabeza o Pichichi con once goles. E iso que o encontro comezou con susto para Ter Stegen, quen tivo que poñer unha man ben firme para rexeitar un duro disparo de Antonio Puertas. A defensa barcelonista está en cadro e empezou sufrindo. Pero todo se encarrilou para os de Koeman no minuto 12. Griezmann marcou na primeira ocasión visitante. E con polémica. Pase de Busquets, mal despexe de Soldado e Griezmann, que marca con facilidade. O francés estaba en fóra de xogo no momento do pase, pero a intervención voluntaria de Soldado dálle validez á xogada. De Burgos Bengoetxea correxiu o seu asistente e deu gol. Tamén deu gol no minuto 35 noutra acción para a discusión. Messi facía todo un golazo tras unha condución de Griezmann. Pero no inicio de todo hai unha man de Busquets. Desde esta temporada, para indicar man do atacante, a xogada que acabe en gol debe de ser inmediata. Hai uns meses, o tanto sería invalidado. Cousas das circulares e os trocos continuos de criterio. A efectividade do Barça na primeira metade foi total, e antes do descanso logrou o terceiro gol. Messi, por baixo, superou a oposición argallada polos futbolistas de Diego Martínez. Seis meses e case 70 intentos despois, o arxentino volvía marcar de falta. Sen moita billantez, o Barça finiquitaba o choque e deixaba sen capacidade de reacción un Granada que acumula demasiados partidos esta temporada. Así, o conxunto barcelonista controlou sen problemas a segunda metade. Con algunha aparición interesante de De Jong, e cun gol máis para afianzar a autoestima de Griezmann. Bonito gol tras un gran pase de Dembelé. Ese cero a catro chegaba no minuto 63 e pouco máis ofreceu o partido. O troco de Messi para darlle descanso e a expulsión de Vallejo na recta final. Goleada balsámica para un Barça que parece atopar algo de luz ao final do escuro túnel polo que deambulaba esta temporada.

 

Noticias web

09/01/2021