CRTVG

Buscar

O Barcelona cede un empate contra o Valencia (2-2)

Publicado o 02/02/2019 21:51
Dobrete de Messi, que rematou o partido mancado

O Valencia chegaba en forma e acreditouno sobre o céspede do Camp Nou. Nada máis comezar, oportunidade flagrante. É Parejo quen choca contra Ter Stegen e o rexeitamento é para o disparo con violencia de Cheryshev que golpea contra o poste. O Barcelona, con Jordi Alba no banco e Sergi Roberto no lateral zurdo, concedía ocos e en ataque tiña probles diante dun Valencia que minimizaba ocos con dúas liñas de catro. Un disparo con rosca de Coutinho foi das mellores opcións. Unha perda de balón de Messi abriu o marcador. Vexan a conducción de Rodrigo, fantástica. O seu pase deixa só a Gameiro, que non erra diante de Ter Stegen. O VAR comprobou se había falta sobre Messi no inicio da xogada. A decisión do árbitro, interpretable, non mudou. Undiano tivo que decidir e así o fixo pouco despois en dúas accións, as dúas como penalti. Primeiro de Sergi Roberto sobre Wass. Parejo non errou desde os once metros. Antes do descanso, moi importante, recurtou o Barcelona. O penalti é de Lato sobre Semedo. Messi poñía o epílogo a unha vibrante primeira metade.
A segunda mantivo o ritmo . Xa con Alba no once, o Barcelona volcouse na procura do empate. Messi, Coutinho, Aleñá e Sergi Roberto tiveron as súas opcións. Pero o encontro non foi dunha soa dirección. O Valencia buscou o gol, de novo cun marabilloso Rodrigo. Destroza a Vermaelen e non pode definir diante do meta barcelonista. Os de Valverde evitaron a derrota grazas a outra aparición de Messi. Desde fóra da área golpeou con intención, ubicou o balón lonxe do alcance de Neto. Messi rematou o partido con molestias físicas. El e o equipo baixaron o ritmo contra o final. Quen sabe se a remontada copeira impediu a ligueira.

Noticias web

02/02/2019