CRTVG

Buscar

O Barcelona ameaza con accións penais o ex-vicepresidente que lanzou sospeitas de corrupción

Publicado o 10/04/2020 21:06

• Xa son seis os membros da xunta directiva que presentaron a dimisión

Na lea institucional do Barcelona sucédense as acusacións e os desmentidos, o último do propio club. O Barcelona amenaza con emprender accións penais polas acusacións que formulou nas últimas horas o vicepresidente dimitido Emili Rousaud. Nunha radio catalá Rusaud dixo textualmente que "alguén meteu a man na caixa", matizando que ignoraba se Bartomeu estaba ó tanto.

O Barcelona emitiu un comunicado no que cualifica esas acusacións como "graves e infundadas". Josep Vives, portavoz do FC Barcelona: "O club nega categóricamente calquera acción susceptible de ser cualificada de corrupción e polo tanto reserva o dereito de emprender accións penais que considere oportunas"

Seis membros da xunta directiva dimitiron este xoves e piden eleccións anticipadas. A desconfianza provén do chamado "Barçagate". Unha empresa contratada polo club dedicouse a lanzar nas redes mensaxes de desprestixio contra os xogadores. Bartomeu despediu a empresa pero os seus detractores sosteñen que pagou polos servizos prestados moito máis do estipulado.
A relación de Bartomeu co vestiario tampouco é boa. Na recente negociación para baixar os soldos Messi foi o primeiro en publicar unha carta na que acusaba ó club de poñer ós xogadores no punto de mira. E cando foi destituído Valverde, o director deportivo Abidal, responsabilizou os xogadores da situación.


A popularidade de Bartomeu xa estaba en horas baixas. Neste momento xoga ó seu favor que o Camp Nou non se pode pronunciar.

Noticias web

10/04/2020