CRTVG

Buscar

O Barcelona gaña ante a Real Sociedade e roza o título

Publicado o 21/04/2019 12:52


O Barça deu un paso máis cara o título. Ante a Real Sociedade, dous defensas, Lenglet e Jordi Alba, resolveron o partido a prol dos de Ernesto Valverde nunha noite na que non se víu a mellor versión do equipo catalán, con frontes abertos moi importantes fóra da liga. Así que foi un triunfo sen brillo, pero que lle vale ao Barça para arrancar unha folla máis do calendario. A Real careceu de pegada para lograr un mellor resultado. Claro que con Ter Stegen baixo os paus a portería faise máis pequena. Juanmi e Willian José tiveron o cero a un antes de que os locais comezaran a gozar de ocasións. Tras unha acción inverosímil de Messi, Luis Suárez tivo a primeira clara para o líder. Respondeu ben Rulli e logo o uruguaio non acertou cun intento de rabona. Chegaba o partido ao tempo de lecer cando apareceu Lenglet para, cun impoñente cabezazo, lograr o primeiro gol. Só lle falta ao defensa francés facer goles nunha temporada para enmarcar. Pero a Real non estaba pola labor de virse abaixo. E no minuto 62 empatou o choque. Mikel Merino deulle un pase perfecto a Juanmi, quen superou cun toque sutil a Ter Stegen. A acción, extraordinaria, obrigaba ao Barça a apretar o acelerador para manter as distancias co Atlético. E só tardou dous minutos en volver adíantarse no marcador. Jordi Alba, coa dereita, tras recibir un pase de Messi, facía un bonito gol para darlle o triunfo ao seu equipo. As veces, os defensas tamén gañan partidos. A Real xa non reaccionou e o Barça non tivo problemas para chegar ao final cos tres puntos no peto e o título a tiro de pedra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/04/2019