CRTVG

Buscar

O bar O Rincón de Padrón convídanos ao seu concurso de debuxo en pano de papel

Publicado o 12/10/2017 13:24

Cantas veces temos garabateado nun pano de papel nun bar mentres agardamos, tomamos algo ou charlamos... É algo tan habitual que mesmo grandes museos conservan bosquexos de artistas consagrados feitos nestes cachiños de papel. Para non perder tan artístico costume e, quen sabe se encontrar novos valores, o Bar O Rincón en Padrón convídanos ao III concurso de debuxo en servilleta de papel.

O concurso de debuxo en servilleta de papel chega xa á súa terceira edición. E polos muros do Bar Rincón, agochado entre a rúa e a travesía das Figueiras, podemos admirar o talento da clientela, que se conta por centos, locais e foráneos, maiores e tamén pequenos, porque eles teñen categoría propia.

A temática é libre, os panos de papel, bolis, lapis ou xiz ponos o local, o garabato ou a obra de arte vai por conta do que se atreva a pasar un momento ben agradable, entre risas e comentarios. E cada vez máis xente se anima, mentres consome algo neste recollido e artístico bar. O prazo abrangue todo o mes de outubro.

Logo, todos os debuxos terán a súa oportunidade ao quedar expostos nas paredes do bar e nas súas redes sociais. O que reciba máis votos será o vencedor e pasará a pendurar dos muros de O Rincón, canda outras marabillas.

Porque O Rincón ten vocación artística de sempre e naceu con ganas de animar a vida cultural de Padrón, por moi malos tempos que corran para a lírica... e peores para os concertos, paralizados por orde municipal desde marzo.

Cun sorriso permanente, a propietaria de O Rincón ve con esperanza o futuro da vida cultural local mentres adoece de impaciencia por premiar aos artistas, un vale de consumición para os adultos ou material de debuxo para todos os pequenos que participen. E aínda están a tempo!

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/10/2017