O Banco de España revisará á baixa as previsións de crecemento do Goberno
Hernández de Cos di que os ingresos estatais van estar condicionados pola crise enerxética e prognostica unha recuperación incompleta. O Goberno defende as súas previsións
O Gobernador do Banco de España considera inviable o cadro macroeconómico do Goberno, e anuncia que no mes de decembro van facer unha rebaixa significativa das previsións de crecemento. Hernández de Cos di que as estimacións de PIB dos orzamentos entán por enriba do consenso dos analistas, e advirte que non contemplan, por exemplo, os efectos da suba desorbitada do prezo da electricidade.
"Un incremento permanente dun 10 % no prezo da electricidade pagado polos consumidores xera un impacto de entre 2 e 3 décimas de PIB ao cabo de 3 anos. Estamos falando de efectos en absoluto desprezables".
O Goberno defende as súas previsións. Di que son prudentes e que todos os indicadores falan dunha recuperación económica robusta. Segundo Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do Goberno, "o que nos amosan os indicadores é que a recuperación está en marcha, que é moi intensa, que vai de menos a máis en 2021, e que se intensificará en 2022".
Desde o Partido Popular cuestionan a viabilidade do proxecto de presupostos do Goberno. Pablo Casado, presidente do PP, "parece que as previsións macroeconómicas do Goberno van quedar en papel mollado, e parece que os presupostos xa nacen completamente mortos".
Para Pablo Casado, as contas están baseadas nunha previsión de ingresos que considera irreal.