CRTVG

Buscar

O Banco de España avisa de que os disturbios en Cataluña tamén terán efectos na economía

Publicado o 01/11/2019 09:08

• O informe do supervisor bancario tamén advirte da inestabilidade política en España

O medo a unha nova recesión económica marca esta campaña electoral. Nas últimas horas, o Banco de España publicou un informe en que apunta dúas ameazas: a falta dun goberno que acometa reformas e os últimos acontecementos en Cataluña. O organismo non se atreve, polo momento, a poñerlle unha cifra. En 2017 estimara as perdas polo conflito catalán nun tope de 27 mil millóns. Agora depende, di, de se persiste a inestabilidade.

Tamén avisa de que en España comeza a notarse o enfriamento da economía mundial. En primeira instancia, nas exportacións, que xa empezaron a caer. O Produto Interior Bruto segue medrando pero a un ritmo moito menor, catro décimas no último trimestre, o menor avance en tres anos.

E a última EPA tamén reflexa o freazo no emprego, durante o verán creáronse en todo o país uns 70.000 postos de traballo, a peor cifra dende a anterior crise. Máis indicadores: a venda de casas caeu un 21% en agosto e as hipotecas desplomáronse. E con todos estes datos, será máis difícil que se cumpran a final de ano as previsións do goberno, un 2,1% de crecemento, unha cifra que desinflan diversas entidades.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/11/2019