CRTVG

Buscar

O Banco de España alerta dunha perturbación sen precedentes na economía

Publicado o 20/03/2020 11:18
O Banco de España alerta dunha perturbación sen precedentes na economía

O gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, advertiu este venres de que a economía afronta "unha perturbación sen precedentes" debido á epidemia de coronavirus, polo que reclama unha "maior ambición das políticas fiscais europeas comúns".

Nunhas declaracións distribuídas pola entidade, o gobernador considera que as medidas adoptadas en España e outros países para conter a epidemia "levaron a unha disrupción moi severa da actividade económica", o que se traducirá nunha deterioración da actividade que podería ser "moi acusado no curto prazo".

A intensidade da crise, que aínda non é posible avaliar, é "incerta" pero en calquera caso será "notable", polo que as políticas públicas serán cruciais para evitar que a "transitoria" caída da actividade económica se transforme en persistente.

Neste contexto, "unha maior ambición e coordinación da resposta a escala europea non é unha opción, é unha necesidade", considera o gobernador, que subliña que a dimensión da perturbación "fai necesaria unha maior ambición das políticas fiscais europeas comúns", xa sexa a través das ferramentas dispoñibles ou con outras novas.

Nese sentido, apunta á posibilidade de reforzar as ferramentas comúns cun mecanismo para compartir os riscos orzamentarios dos países individuais.

O Banco Central Europeo (BCE) vén reclamando nas últimas semanas aos países europeos que adopten mecanismos fiscais que axuden ás medidas monetarias e de liquidez que el pode implantar.

Nas súas declaracións, o gobernador repasa a evolución dos mercados financeiros globais nas últimas semanas, a medida que empeoraba a emerxencia sanitaria, e as medidas adoptadas desde as institucións europeas.

Así, valora a "flexibilidade" do programa de compras lanzado polo BCE porque axudará a evitar deterioracións adicionais nas condicións financeiras da zona euro garantindo así que todos os sectores económicos gocen de "condicións de financiamento favorables".

"É importante subliñar que os límites autoimpostos nos programas de compras poderán relaxarse se se considera necesario", insistiu.

Estas medidas veñen complementadas coas iniciativas postas en marcha polo Mecanismo Único de Supervisión bancaria para asegurar que o crédito chegue á economía real e polas adoptadas polos distintos gobernos para axudar a familias e empresas, incluídos os avais públicos, que constitúen "a primeira liña de acción" para afrontar a crise.