CRTVG

Buscar

O Banco de Alimentos de Pontevedra ten as súas reservas en mínimos

Publicado o 04/06/2019 14:43

No Banco de Alimentos de Pontevedra a actividade é continua. Pero as produtos deste almacén atópanse en mínimos e a día de hoxe xa están botando man das reservas do verán.

"Despachando este mes todos os pedidos e os que imos facer en xullo, quedamos a cero", di José Luís Doval, o responsable do Banco de Alimentos de Pontevedra.

"A gran recollida faise en novembro, decembro, estamos en xuño, levamos 7 meses entregando e, claro, agora non temos moitos ingresos que digamos", explica José Montero, voluntario

Unha situación que tamén ten relación -segundo din- co incremento do número de usuarios e coa cronificación da pobreza.

"Notamos un aumento de xente de fóra, venezolanos, ecuatorianos... e logo, xa digo, a cronificación da pobreza, xente de 50 e 60 anos que ten moi difícil volver ao mundo laboral", conta Doval.

Só neste almacén moven mensualmente máis de 20 toneladas de alimentos. Un traballo en que os voluntarios son fundamentais.

"É un labor bastante grato e hai moita xente que se beneficia diso", comenta un dos voluntarios.

"Dannos entre 600 e 900 quilos cada mes, e puntualmente unha carga de plátanos, peixe, pero procuramos sacar só o que nos dan cada mes", explica Julio Santos Pena, presidente de Acción Solidaria Sor Elvira.

O ano pasado, este almacén de alimentos colaborou con 35 colectivos sociais da comarca, que á súa vez prestaron servizo a unhas 5.000 persoas en situación vulnerable. A próxima recollida, os días 14 e 15 de xuño en Pontevedra.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/06/2019