CRTVG

Buscar

O avogado do ex-xerente xustifica a indemnización na Fundación Cela

Publicado o 03/04/2019 16:29

Nova sesión do xuízo por suposta malversación na Fundación Cela. Hoxe compareceu o avogado que asesorou o ex-xerente Tomás Cavanna sobre o seu despedimento. O letrado negou que Cavanna quixera deixar voluntariamente o cargo e dixo que recibiu unha indennización de 30 días por ano traballado, menos ca outros empregados da fundación despedidos.

Continúa a quenda das testemuñas no xuízo por suposta malversación contra Marina Castaño, Dositeo Rodríguez, a súa filla Covadonga Rodríguez e o ex-xerente da Fundación Cela Tomás Cavanna.

O primeiro interrogado nesta xornada foi o avogado que asesorou a Cavanna sobre o seu despedimento. O letrado reiterou que o ex-xerente non quería deixar o cargo, insistiu en que o seu desexo era continuar ata 2016.

Asegurou que a contía da indemnización se o despedimento fose obxectivo sería de 96.000 euros e de máis de 200.000 se o declarasen improcedente. Por iso, segundo afirmou, o seu cliente, tras saber que ían despedilo, decidiu pedir unha contía intermedia, os 150.000 euros que recibiu finalmente.

O avogado tamén dixo que eses cartos correspondían a 30 días por ano traballado e que outros empregados da Fundación Cela recibiran unha indennización de 39 días por ano.

Ademais, o letrado asegurou que non tivo ningún contacto con Marina Castaño. Tamén declarou hoxe Adolfo Sotelo, patrón da fundación. Dixo que o seu traballo alí é estritamente académico e que nunha tratou co ex-xerente cuestións económicas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/04/2019