CRTVG

Buscar

O avogado da familia de Mónica Marcos pedirá que o crime se considere asasinato

Publicado o 20/09/2021 22:14
O avogado da familia de Mónica Marcos pedirá que o crime se considere asasinato

O avogado da familia da muller achada morta no seu domicilo do Birloque, na Coruña, argumentou que os feitos son, ao seu xuízo, constitutivos de asasinato e non descartou que puidese existir "certa preparación" por parte do detido, a parella da falecida.

Así o manifestou o letrado Guillermo Mosquera en declaracións a Europa Press despois de que este domingo o xulgado de garda decretase prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home, de 48 anos, detido como presunto autor da morte da muller, de 52 anos.

Segundo confirmaron desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), á parella da falecida atribúeselle un delito de homicidio doloso cos agravantes de aleivosía e asañamento. Con todo, conforme ás agravantes, o avogado da familia considerou que os feitos son constitutivos de asasinato. Lembrou que agora, tras inhibirse o xulgado en favor do de Violencia sobre a Muller, empeza "toda a instrución" neste.

Pendente o informe da autopsia realizada á vítima, fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press confirmaron que a muller non tivo capacidade de defenderse tras recibir catro puñaladas. O seu fillo foi quen atopou o seu corpo con feridas de arma branca no número cinco da rúa Juan Darriba, onde residían, no Birloque.

Os feitos producíronse o mércores, aínda que o corpo non foi localizado até a madrugada do xoves, cando o fillo regresou de traballar. A parella da muller foi detida en Madrid, a onde se desprazou en avión.

Noticias web

20/09/2021